martes, 30 de xaneiro de 2024

Día Internacional da Non Violencia Escolar e da Paz.

A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz son motivos para recordar o 30 de xaneiro. No Día da Paz, os centros educativos comprometémonos como defensores de paz e entendemento entre persoas de distintas procedencias e modos de pensar.

Neste día conmemórase o aniversario da morte de Mahatma Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica frente á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.

Unha educación baseada na cultura da non violencia e paz permitirá ao noso alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o desenvolvemento como cidadáns globais críticos e comprometidos cos seus dereitos e os das outras persoas.

Na aula estivemos abordando a temática durante a semana na “hora de ler” a través da lectura e asemblea nos seguintes libros:
  • Colas de sueños.
  • La maleta.
  • La zapatilla roja.
  • O principio.
Con todos eles reflexionamos sobre a guerra, a emigración, o exilio...
Ao finalizar o traballo oral con eles, cada nena e cada neno cubriu unha ficha respondendo a unhas cuestións.

Ademais, participamos na tarefa proposta polo Equipo de Actividades Extraescolares, elaborando un traballo de investigación sobre o símbolo da paz asignado ao noso grupo: o búfalo.
Descubrimos que se trata dun animal sagrado que representa, entre outras cousas: abundancia, gratitude, forza, prosperidade, que pensa nos demais, con gran forza de espírito, paz interior e que toma conciencia. Un gran descubrimento, sen dúbida!



"Non hai camiño para a paz,
a paz é o camiño"
Mahatma Gandhi

Ningún comentario:

Publicar un comentario