xoves, 21 de decembro de 2023

Vai chegando o Nadal!

Pouco a pouco, e case sen darnos conta, foi chegando o Nadal un ano máis á nosa escola. E así é como fomos ambientando o noso espazo.









Que pasedes un moi Bo Nadal familias!

Ata a volta!

domingo, 26 de novembro de 2023

E se acabo, que podo facer?

As aulas cada vez son máis diversas, e o alumnado presenta diferentes ritmos de aprendizaxe, polo que é preciso contar con recursos cos que poder atender todas as necesidades.
E unha das actividades que temos na aula para cando alguén vai terminando o traballo e espera polo resto do grupo, leva por nome: E se acabo, que podo facer? Son uns pauciños que nos indican a tarefa a realizar. Son diversas actividades de repaso e reforzo, que abarcan as diferentes áreas: linguaxes, matemáticas, ciencias, artes plásticas...
Un xeito diferente de traballar!
















luns, 20 de novembro de 2023

Semana da Igualdade na Escola.

Na semana pasada conmemoramos no centro a Semana da Igualdade grazas á ANPA e a concesión que lle outorgou a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade.

Participamos nos talleres propostos por SororAs, co seu Proxecto: "Igualdade en xogo! Educando para o cambio", concebido para fomentar as relacións igualitarias dende a infancia. A través do xogo promoveron a igualdade, a corresponsabilidade nos coidados e no fogar.









Grazas familias!

Oxalá algún día non sexa preciso conmemorar e reivindicar temáticas como esta, será que como sociedade xa avanzamos.

domingo, 12 de novembro de 2023

Magosto na escola!

O venres celebramos o magosto na escola! Non faltou  música, bebida e boa compañía, ademais das castañeiras coas castañas asadas. Temos que darvos as grazas: estaban ben boas!

Días atrás estivemos traballando na aula e na casa sobre aspectos relacionados co magosto e coa estación do ano na que nos atopamos: o outono, e entre outras cousas, aquí vos amoso a recollida de refráns, ditos e adiviñas que se xuntaron na aula. Grazas por colaborar na actividade familias!

Castañas, noces e viño, fan as delicias do San Martiño.

Moito has de saber, para cogomelos coller.

Son de cor chocolate, ábrense coa calor, e se as botas ao lume, estoupan con gran sabor.

A horta do outono, mantén ao seu dono.

Outono bonito, folliñas ao chan, castañas asadas, que ricas están!

Polo San Martiño, trompos ao camiño e polo San Amaro, trompos ao faiado.

Outono chuvioso, ano copioso.

En outubro non molesta o lume.

A horta en outono, mantén ao seu dono.

Se no setembro empeza a chover, o outono seguro é.

Polo San Martiño, mata o teu porquiño.

Alto me vexo no meu lugarexo, por unha risada perdín a miña azada.


venres, 3 de novembro de 2023

Día Xosé Neira Vilas.

Hoxe, 3 de novembro, conmemórase o Día de Xosé Neira Vilas e o Día da Lectora e do Lector.


Xosé Neira Vilas naceu en Gres, Vila de Cruces, tal día coma hoxe do ano 1928. Foi un dos escritores máis sobranceiros do noso país e hoxe, a Fundación Xosé Neira Vilas celebra o seu día. É autor dunha das obras máis recoñecidas: "Memorias dun neno labrego".

Aquí vos deixo un vídeo onde o autor fai un repaso pola súa vida e obra, que no ano 2009 lle fixeron dende a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega).

https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/xose-neira-vilas/videoteca/entrevista/896/3-o-socioa-fala-do-conxunto-da-sua-obra

Neira Vilas visitou moitos centros de ensinanza e bibliotecas nos anos que pasou na Galiza, e agora nós, as comunidades educativas, homenaxeámolo lendo as súas obras, expoñendo os seus libros... Hoxe, a sociedade galega rendémoslle homenaxe a un home bo e xeneroso que quixo inculcar, a través da paixón, o seu amor pola nosa cultura.

Así pois, colaboramos coas actividades propostas a nivel de centro. E a nivel de aula traballamos na vida e obra do autor e no día de hoxe fixemos unha lectura conxunta nunha das súas obras: "Cantarolas".


"Todo está en querer, a vontade e a forza de

moitas e moitos pode arrincarlle zume ás pedras"

Fragmento "Querido Tomás"

Xosé Neira Vilas

mércores, 1 de novembro de 2023

Samaín na escola!

Samaín é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano.

O Samaín na Galiza é unha celebración estreitamente relacionada co Día dos Fieis Defuntos e co magosto. Está baseada na tradición de tallar cabazas o Día de Defuntos, que eran deixados nos camiños para asustar aos viandantes.

Tradicionalmente, tamén era habitual que a mesa non se recollese despois de cear, por se as ánimas dos defuntos acodían de visita durante a noite. Ademais, deixábase o lume acceso para que non pasasen frío.

É unha festa asociada ao ciclo anual do sol que forma parte do Patrimonio Inmaterial de Galiza e o Norte de Portugal, e formou parte da candidatura á celebración da UNESCO do patrimonio inmaterial galego-portugués na candidatura multinacional "As tradicións orais galego-portuguesas". 

Na escola non quixemos ser menos, e o martes 31 fixemos o noso propio Samaín. Ademais de vir disfrazados e disfrazadas, para tal día estivemos traballando arreo. Aproveitamos o traballado na aula con dúas artistas moi famosas: Frida Kahlo e Yayoi Kusama, e relacionamos as súas temáticas co noso Samaín.

Decoramos a porta coas famosas catrinas de México, onde naceu Frida Kahlo; e decoramos unhas cabazas ao estilo de Yayoi Kusama, nada en Xapón.




Tivemos a sorte de que alumnado de 6º de educación primaria nos viñese contar un conto, precisamente sobre a historia da tradición do Samaín na nosa terra.



E por último gozamos dunha pequena festa de disfraces no pavillón co resto do alumnado do centro.