sábado, 23 de marzo de 2024

Proxecto: "Os anfibios".

Na aula de 3º levamos tempo traballando no noso Proxecto dos ANFIBIOS, que está enmarcado dentro do Proxecto Anual de centro: "A defensa das nosas especies: o noso mellor legado". 
O xoves 21 foi o día de amosarlles ao resto do alumnado o resultado final. E aínda que había moitos nervios, todo saíu moi ben e conseguimos transmitir a nosa mensaxe: 
Soamente para comezar, e para que tiveran unha idea da importancia desta especie de animais, contámoslles que:

- Cumpren un importante rol ecolóxico, pois coidan da nosa saúde ao comer insectos que transmiten enfermidades como o Dengue ou a Zika.

- Contribúen ao coidado dos cultivos, pois aliméntanse de insectos que poden producir pragas.

- Son alimento para outros animais como mamíferos, aves, réptiles, peixes e incluso insectos e arañas.

- Arredor de 100 especies de anfibios son estudadas para recoñecer substancias con propiedades analxésicas, antibióticas ou con capacidades rexenerativas de extremidades.

E mellor que seguir contando, é que o vexades! Esperamos que vos guste!

Premede no seguinte enlace para poder visualizar o vídeo:

EXPOSICIÓN "OS ANFIBIOS" 3º E.P.







luns, 11 de marzo de 2024

Lecturas en familia.

Ao longo deste trimestre tivemos a sorte de gozar cunhas lecturas moi especiais: Lecturas en familia! Si, unha ocasión de compartir un pequeno tempo na escola coas familias.

Todas as lecturas estiveron relacionadas co medio ambiente e polo tanto, co Proxecto anual de centro: "A defensa das nosas especies: o noso mellor legado"

Sandra (mamá de Damián)


Tania (mamá de Mateo)


Mar (mamá de Kevin)


Maira (mamá de Xenxo)


Alberto (papá de Manuel)


Lucía (mamá de Anxo)


Carolina (mamá de Eliam)



Lucía (mamá de Antón)


Moitas grazas a todas as familias por compartir un anaco do voso tempo con nós.

E xa sabedes, tedes as portas abertas para voltar cando queirades!

venres, 9 de febreiro de 2024

Análise do tempo atmosférico.

Unha das rutinas que xa temos asentada no noso día a día é a do calendario diario: plasmar no papel o traballado previamente na asemblea e coa observación directa ao exterior.

O calendario é un obxecto aparentemente sinxelo e cotiá que os adultos precisamos para a xestión de tarefas e do tempo. Para as nenas e nenos dan sentido e significado a algo tan complexo e abstracto como o paso do tempo.

Ademais do que xa levamos facendo dende o principio de curso: rexistrar os ciclos (día, semana, mes); conceptos de hoxe, onte e mañá; eventos importantes; fases da lúa... no mes pasado iniciámonos no coñecemento dos aparellos meteorolóxicos e o rexistro dos datos recollidos.






E grazas a iso puidemos decatarnos de primeira man que o "cambio climático" está aí, pois as temperaturas que tivemos no mes de xaneiro foron as máis cálidas rexistradas da historia nun mes de xaneiro. E o máis preocupante: levamos oito meses seguidos batendo récords de temperaturas! 

martes, 30 de xaneiro de 2024

Día Internacional da Non Violencia Escolar e da Paz.

A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz son motivos para recordar o 30 de xaneiro. No Día da Paz, os centros educativos comprometémonos como defensores de paz e entendemento entre persoas de distintas procedencias e modos de pensar.

Neste día conmemórase o aniversario da morte de Mahatma Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica frente á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.

Unha educación baseada na cultura da non violencia e paz permitirá ao noso alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o desenvolvemento como cidadáns globais críticos e comprometidos cos seus dereitos e os das outras persoas.

Na aula estivemos abordando a temática durante a semana na “hora de ler” a través da lectura e asemblea nos seguintes libros:
  • Colas de sueños.
  • La maleta.
  • La zapatilla roja.
  • O principio.
Con todos eles reflexionamos sobre a guerra, a emigración, o exilio...
Ao finalizar o traballo oral con eles, cada nena e cada neno cubriu unha ficha respondendo a unhas cuestións.

Ademais, participamos na tarefa proposta polo Equipo de Actividades Extraescolares, elaborando un traballo de investigación sobre o símbolo da paz asignado ao noso grupo: o búfalo.
Descubrimos que se trata dun animal sagrado que representa, entre outras cousas: abundancia, gratitude, forza, prosperidade, que pensa nos demais, con gran forza de espírito, paz interior e que toma conciencia. Un gran descubrimento, sen dúbida!



"Non hai camiño para a paz,
a paz é o camiño"
Mahatma Gandhi

venres, 26 de xaneiro de 2024

Día Mundial da Educación Ambiental.

Hoxe, 26 de xaneiro é a data asignada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) para conmemorar o Día Mundial da Educación Ambiental, que busca promover a concienciación e a promoción do respecto polo medio ambiente.

No centro aproveitamos esta data para continuar "apadriñando" unha árbore do noso patio, e desta volta a asignada foi o FREIXO.

Trátase dunha especie pertencente ao xénero Fraxinus Excelsior, da familia das Oleáceas.

Son de rápido crecemento, podendo acadar os 40 metros de altura. De folla caduca, o seu froito é alongado, de cor verde e en forma de acios, chamados sámaras. Florece na primavera, sendo as flores de cor púrpura e en forma de espiga.

Trátase dunha das árbores máis grandes das fragas, que pode acadar os 400 anos.

En Galiza son abundantes dúas especies, que se mesturan como especie das fragas, como árbores de ribeira ou raramente formando freixedos.

No mundo Celta era considerada unha árbore sagrada e a súa madeira moi valorada pola súa flexibilidade e solidez. Emprégase, por exemplo, para fabricar táboas de snowboard.

Aquí vos deixamos a exposición que fixeron compañeiros da aula sobre esta árbore para o resto de alumnado do centro pola conmemoración deste día.

https://drive.google.com/file/d/1wrNjr_toNOQwuBDWXFfdhH7pNM-Ulq_6/view?usp=sharing


mércores, 24 de xaneiro de 2024

Día Internacional da Educación.

A Asamblea Xeral das Nacións Unidas proclaman o 24 de xaneiro Día Internacional da Educación, en conmemoración do papel que a educación desempeña na paz e no desenvolvemento.

A educación é un dereito humano.

O dereito á educación está consagrado no artigo 26 da Declaración dos Dereitos Humanos. A declaración esixe a educación primaria gratuíta e obrigatoria. A convención sobre os Dereitos do Neno, adoptada en 1989, vai máis alá ao estipular que os países deberán facer que a educación superior sexa accesible para todas e todos.

Os desafíos para conseguir a educación universal.

A educación ofrece a nenas e nenos unha oportunidade de saír da pobreza e un camiño para alcanzar un futuro prometedor. En troques, millóns están sen escolarizar e millóns non saben ler nin teñen coñecementos básicos de matemáticas.

Na aula quixemos conmemorar este día coñecendo a persoa de Malala Yousafzai. Nada o 12 de xullo de 1997, é unha activista a prol da educación feminina en Paquistán, e a persoa máis nova en recibir un Premio Nobel en calquera das categorías.

É coñecida pola defensa dos dereitos humanos, en especial o dereito á educación e os dereitos das mulleres no Val do Surat, no noroeste de Paquistán, onde os talibáns prohibiran ás mulleres asistir ao colexio.

A loita de Malala converteuse dende entón nun movemento internacional.


martes, 16 de xaneiro de 2024

Necesitamos a auga para vivir!

A auga é un elemento da natureza, integrante de todos os ecosistemas, esencial para o sostemento e a reprodución da vida no planeta, xa que forma parte indispensable do desenvolvemento dos procesos biolóxicos que a fan posible.

Aproveitando un dos temas da asignatura de Ciencias Sociais: "Necesitamos a auga para vivir" o alumnado puido comprobar o importante deste ben para o planeta.

Aquí vos amosamos o traballo realizado. Esperamos que vos guste tanto como eles e elas gozaron facéndoo!




















Grazas a todas e todos polo voso esforzo!