venres, 27 de outubro de 2023

Apertura Biblioteca: presentación Proxecto.

Hoxe tivo lugar a apertura da Bibliteca da nosa escola. Con ela presentouse o Proxecto de Centro deste ano, que leva por título: "As nosas especies: o noso mellor legado". A partir de aquí, cada aula comezaremos a investigar sobre un tema diferente, e no noso caso, na aula de 3º E.P., a temática será: OS ANFIBIOS.

E nunha data tan importante contamos coa visita dun axente forestal (Miguel Agulló), que nos presentou unha panorámica xeral da situación que viven algunhas das nosas especies. Tanto da flora como da fauna máis próximas, e non tanto, porque todo o que aconteza no máis inmediato terá repercusión no máis afastado.

Este tamén foi o noso primeiro día de préstamo neste curso, e xa comezamos con algunhas das rutinas que levan aparelladas.

Outra das rutinas que xa temos asentada é a da Hora de Ler. Nela, cada día despois do patio, establecemos un horario para traballar este momento e intentar que sexa rico e variado.




Ler é unha gran aventura chea de imaxinación!

mércores, 25 de outubro de 2023

Proxecto "Do ovo á galiña".

Como xa sabedes, no mes de setembro visitábanos un membro de AVIMÓS (Asociación de avicultores de raza galiña de Mos) para poñer en marcha unha incubadora con ovos e posteriormente obter pitiños que nun futuro se puideran hospedar no noso galiñeiro.





E así foi como comezamos a ver esta marabillosa aventura que é o proceso de crear vida. 21 días tivemos que esperar para que dera o seu froito e o pasado xoves 19 naceron 9 pequeniños pitiños amarelos que xa temos no interior do centro con todas as comodidades posibles para que medren pronto e poder estrear o noso galiñeiro.





Durante todo este proceso, na aula quixemos investigar un pouco máis sobre estas aves, e foi así como comezamos o Proxecto "Do ovo á galiña". Aquí vos amosamos un pouco dese traballo. Esperamos que vos guste!





"A clave de todo é a paciencia. Obtés a galiña ao incubar o ovo, non ao rompelo"
Arnold H. Glasow

martes, 17 de outubro de 2023

Día das escritoras.

Onte, 16 de outubro, conmemoramos o Día das escritoras, unha data de reivindicación da labor e o legado das escritoras ao longo da historia.

E nesta data, tivemos unha visita "literaria" moi especial no noso cole: Charo Golmar. Unha escritora que é veciña nosa, foi mestra e cando era cativa estudou neste centro.

Falounos dos seus dous libros de poemas: Nobelo de luz e No bico do vento. Foi xustamente neste último poemario no que estivemos traballando na aula. 

 



Grazas pola túa visita Charo!

Ademais, e como traballo previo ao día, estivemos lendo outro libro: Conexión Macarrón, de Ledicia Costas. Analizámolo e tamén participamos co demais alumnado do centro, no vídeo xeral do cole para o Día das escritoras.


"AMIZADE

O tempo vivido

e compartido en irmandade,

é tempo de bonanza

e ledas acordanzas."

Charo Golmar (No bico do vento)

domingo, 15 de outubro de 2023

Actividade con: El gran libro de los superpoderes.

Nas primeiras semanas realizamos unhas actividades cun libro que ten por título: El gran libro de los superpoderes, de Susana Isern e con ilustracións de Rocío Bonilla, da editorial Flamboyant.

Todas e todos temos un talento que nos fai únicas e únicos, e á súa vez, especiais. A algunhas dáselles ben as matemáticas e a outros a cociña. Unhas son aventureiras e outros prefiren ler. Descubrimos que nos diferencia dos demais, nin mellor nin peor. Cal é o noso talento?

Unha colección de contos ilustrada que nos fixo reflexionar sobre a identidade, as súas virtudes e capacidades.

Este álbum non nos conta unha historia única, se non que nos presenta un a un a 18 protagonistas (nenas e nenos), descríbenos a súa forma de ser, as súas características e habilidades máis especiais e acaba desvelándonos cal é o seu don especial, o seu superpoder. Pero como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí tedes uns fragmentos do libro.




Ao escoitar estas historias, fixemos un exercicio de introspección, ver se nos sentimos reflexadas e reflexados nalgunhas destas características e identificar cal é o noso superpoder (ou superpoderes!).

Fixemos as seguintes actividades:

  • Nun primeiro lugar, ao mesmo tempo que iamos lendo as historias, tiñamos que marcar aqueles que ían saíndo.
  • A continuación tiñamos que reflexionar se tiñamos algún  outro superpoder que non se nomeara no libro.
  • E por último, eliximos o superpoder favorito de cada unha e cada un, e debuxámolo.
 

Trátase dun libro precioso e moi útil para traballar o autocoñecemento nas crianzas, focalizándose nos seus puntos fortes e valorando a diversidade. Na escola, en xeral,  maniféstanse máis certas calidades académicas, pero as pequenas e pequenos teñen os seus talentos e destacan nalgo, polo que penso que é preciso evidencialo e poñelo ao mesmo nivel, sen que pareza que unhas virtudes ou calidades son máis importantes que outras.

venres, 13 de outubro de 2023

Comezamos!

Benvidas e benvidos ao curso 2023-2024, onde vos abrimos esta pequena xanela para que vexades o noso día a día na aula de 3º de educación primaria.

Comezaremos por amosar a nosa aula e as distintas zonas que a compoñen:

Entrada á aula


Taboleiro asemblea diaria e calendarios individuais

Recuncho biblioteca de aula

Almacenaxe material xogo e didáctico

Recuncho arte

Recuncho natureza

Recuncho matemático e pizarra/pantalla

Os primeiros días foron de coñecemento mutuo e de experimentar nos diferentes espazos da aula, así como a adquisición das diferentes rutinas diarias:







E tamén de levar a cabo as primeiras actividades para coñecernos mellor y ir poñendo orde ao que será o noso día a día:




Ollade de cando en vez o blog e iredes descubrindo novas cousas, ademais de poder aproveitar os recursos que atoparedes!